Saturday 27 de April de 2024

O concello pretende reforzar o “Programa Hormoniza: conciliando na Laracha” con fondos do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia


Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou solicitar a cesión dun vehículo todoterreo para Protección Civil.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse concorrer á convocatoria de axudas da Secretaría Xeral de Igualdade no marco do Plan Corresponsables.
O Concello presenta unha novidosa iniciativa dirixida a complementar o Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha incorporando un servizo de atención domiciliaria que estaría a disposición das familias con nenos desde os 4 meses ata os 12 anos para satisfacer circunstancias puntuais e de natureza extraordinaria.

A finalidade desde servizo sería favorecer a conciliación nos campos persoal, familiar e laboral, establecendo ademais o carácter prioritario para as mulleres vítimas da violencia de xénero, familias monoparentais e unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

Por outra banda, tamén se acordou solicitar á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a cesión dun vehículo todoterreo para incorporalo ao parque móbil a disposición de Protección Civil da Laracha. Faise ao abeiro da convocatoria de subvencións para adxudicar equipamentos de emerxencias a municipios de menos de 50.000 habitantes, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia.

Salientar, ademais, que foron concedidas tres licencias de obra, sendo unha delas para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar de Santa Baia da parroquia de Soandres.